Saturday 27 de April de 2024

O xornalista Ramón Vilar deixa pequeno o auditorio do Museo do Traxe na presentación de ‘Os televisores estrábicos’


 

“Vivimos un tempo de desesperación pero é obrigado permanecer de pé nesta vida, porque estar de xeonllos queima moito”. Con este alegato á fortaleza e á dignidade humana Ramón Vilar pechaba onte a presentación da súa primeira novela ‘Os televisores estrábicos’. Escoitándoo estaban máis dun centenar de veciños, veciñas e afeccionados á literatura, que deixaron pequeno o auditorio do Museo do Traxe Juanjo Linares. Algo que contribuía a sentir a sensación de que, por momentos, máis que a presentación dun libro se estaba a vivir unha homenaxe a un veciño que, polo calor e aplausos, é ben aprezado e querido por moitos. Entre eles tamén estaba o alcalde do municipio, Manuel Regos Boquete, que non perdeu a ocasión para transmitir as súas felicitacións e bos desexos.

Para este momento Ramón Vilar contou co apoio de Miguel Calvo e Ignacio Carballo, artista polifacético da vila de Ordes e delegado de Santiago de La Voz de Galicia, respectivamente. Ambos puxeron sobre a mesa sentencias que situaron a “este gran xornalista” como “unha das promesas máis destacadas do panorama literario en lingua galega”. A ocasión tamén se aprobeitou para por de manifesto “a valentía e forte aposta por parte do autor” por presentar un traballo de máis de 100 páxinas na lingua de Castelao. “Algo que hoxe en día é como por unha tenda pequena, de barrio, a carón dunha gran superficie ca que non se pode competir”.

Editada por Xerais, ‘Os televisores estrábicos’ componse de 14 relatos nos que as súas personaxes responden a situacións e viaxes internos impulsados contra a súa vontade dada a situación económica de crise. Un plantexamento “que responde á vontade xornalística de Ramón Vilar ao tratar de profundizar nas caras b do que non aparece nos xornais”. Porque como ben explica o autor “detrás dunha pensión mínima hai a historia dalguén que non chega a fin de mes, unha crise de parella ou vai ti saber qué… Porque a crise de verdade non está nos números”.